Este portal Terminoloxía e Terminografía é un repositorio web de apoio á docencia nos niveis de grao, máster e doutoramento de Tradución e Interpretación, así como á práctica profesional da tradución e a interpretación en inicio de carreira. Pretende amosar unha visión holística do panorama académico e profesional da materia.
Concíbese como unha biblioteca sobre Terminoloxía e Terminografía da que partir para que cadaquén constrúa a unha selección segundo as súas necesidades. Preséntanse en conxunto, pero clasificados, materiais da Terminoloxía teórica (disciplina) e de Terminografía (aplicacións), incluídos os principais repertorios (vocabularios) nas nosas linguas de traballo (glg, es, fr, eng, de, pt).
O portal nace no marco do grupo de investigación BIFEGA como resultado do traballo docente e científico da liña de investigación Terminoloxía e Terminografía. A súa principal responsable, Iolanda Galanes Santos, está acompañada nesta tarefa polas profesoras Áurea Fernández Rodríguez, Teresa Azevedo Pataco, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper, así coma do colaborador externo Iván García Fuentes. Moitas outras persoas contribúen e alentan este proxecto nas aulas da FFT da Universidade de Vigo, nomeadamente o alumnado da UVigo e doutras universidades, que acomete con valentía a elaboración de dicionarios.
